22.02.2024
Xa está en marcha a primeira campaña de voos realizados con RPAS (drones) que permitirá avaliar o impacto que terán as actuacións demostrativas de restauración que se levarán a cabo no marco do proxecto RURALtXA! durante os próximos meses.
Ao longo do proxecto realizaranse tres campañas de voos: a primeira antes da execución das actuacións de conservación e as outras dúas posteriores e separadas un ano entre si. Deste xeito, poderase estudar a estrutura e función da vexetación antes e despois da actuación, analizando imaxes multiespectrais e fotogramétricas que permiten explorar características da vexetación imperceptibles para o ollo humano, e permitindo así coñecer a efectividade de cada actuación.
Ademais, grazas á precisión e alta resolución das imaxes obtidas nas 466 ha sobrevoadas pola empresa 3edata nesta campaña previa, poderase mellorar a planificación das actuacións de conservación a executar, utilizando en algúns casos técnicas LiDAR.
O coñecemento xerado en canto á repercusión deste tipo de accións na resiliencia dos ecosistemas será fundamental para orientar outras similares na xestión deste tipo de hábitats semi-naturais no futuro, grazas en gran medida ás accións de réplica e transferencia que se desenvolverán ao longo dos máis de tres anos de duración do proxecto.