Adéntrate no Curro da Valga con RURALtXA!

15.05.2025

O proxecto estivo presente o domingo 11 de maio no Curro da Valga, en Oia (Pontevedra), organizando unha experiencia inmersiva de ecoturismo, enmarcada nas accións de promoción da marca “Saberes do Monte”, recentemente creada por RURALtXA!.

Foron convidados á iniciativa un grupo de axentes turísticos locais, conservacionistas, influencers e divulgadores, co obxectivo de avaliar a viabilidade deste tipo de experiencias nos curros e rapas dos cabalos salvaxes da Serra da Groba.

A primeira parte da experiencia “Adéntrate no Curro da Valga con Saberes do Monte” permitiu ás persoas convidadas vivir o Curro desde dentro, guiadas desde primeira hora da mañá polos besteiros da Asociación Curro da Valga. Grazas a eles puidemos aprender durante toda a xornada sobre a organización e o significado desta festa tradicional, máxima representación etnográfica arredor do cabalo salvaxe, e unha tradición que forma parte do manexo tradicional destes animais, tan relevante para a conservación dos hábitats de brezais e turbeiras. Unha vez localizados e reunidos no recinto, procédese á inspección dos animais. Posteriormente, no stand de RURALtXA!, instalado nos arredores do curro, os nosos participantes puideron repoñer forzas cun xantar campestre.

A segunda parte da actividade xa estivo aberta ao público e foi dirixida por axentes locais, integrantes da Rede de Traballo de RURALtXA! e outros colaboradores do proxecto. Adrián Martíns, de Finca Moreiras, explicou a morfoloxía, os usos e outros aspectos do comportamento dos cabalos de Pura Raza Galega, ofrecendo aos máis pequenos a oportunidade de montar a Grelo e Farruco; Patricia Muñoz, de Amodo Turismo, dirixiu un obradoiro no que as nenas e nenos presentes puideron crear o seu propio petróglifo sobre arxila; Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoráns, amosou útiles tradicionais empregados nos curros e materiais feitos con crinas de cabalo como cordas, cepillos ou brochas de afeitar, entre outros, ademais de explicar todo o relacionado cos petróglifos deste macizo montañoso, mostra da interacción entre humanos e cabalos salvaxes durante milenios. Ademais, os participantes nos obradoiros puideron poñerse tatuaxes temporais coas marcas familiares dos cabalos, e simular a técnica de encabestrado que se emprega para coller os cabalos dentro do curro, asesorados polos besteiros.

Pola tarde, a partir das 17:00, a xornada completouse coa rapa das burras, como se lles chama nesta serra, onde os besteiros as retiran do curro e as inmobilizan, unha a unha, para rapalas e desparasitalas.

Este evento piloto busca xerar un modelo de dinamización da festividade a través do ecoturismo, involucrando axentes locais, para poñer en valor o patrimonio ambiental, histórico, etnográfico e cultural, como garante de sustentabilidade. Para iso, impúlsase a creación de produtos ecoturísticos que contribúan ao mantemento do sistema de manexo tradicional dos cabalos salvaxes, divulgando os seus valores e xerando ao mesmo tempo un beneficio económico para as empresas locais e as asociacións que manteñen esta tradición tan importante para a conservación dos brezais e turbeiras desta serra.

Queremos facer un agradecemento especial á Asociación Curro da Valga, Finca Moreiras, Amodo Turismo e ao Instituto de Estudos Miñoráns por permitirnos vivir esta experiencia, e a todas as persoas convidadas pola súa contribución, comentarios e participación no evento, dándolle difusión nas súas redes sociais.