Análise da provisión potencial e real de servizos ecosistémicos en Galicia

01.10.2025

Xa están dispoñibles para consultar na web os informes que recollen os resultados dos estudos que se realizaron ao longo do proxecto para coñecer a percepción social na valoración dos servizos ecosistémicos nas áreas piloto de RURALtXA! e para avaliar os principais servizos ecosistémicos xerados polos hábitats de interese comunitario e as actividades tradicionais vinculadas.  

O primeiro deles ten como obxectivo analizar a percepción dos actores locais nas áreas de actuación do proxecto sobre a capacidade dos montes para proporcionar servizos ecosistémicos de abastecemento, de regulación e culturais (clasificación CICES 5.2). Para iso fixéronse unha serie de cuestionarios a propietarios privados, integrantes dos Montes Veciñais en Man Común participantes no proxecto, empresas e asociacións locais, ONGs e tamén representantes dos concellos das áreas piloto.  

Hai que destacar a valoración positiva e o consenso acerca da importancia destes hábitats para a produción gandeira en extensivo (especialmente de vacún e equino) ou a produción apícola, así como a importancia en diversos servizos de regulación como a mitigación do cambio climático, a loita contra a erosión, a mellora na calidade da auga ou a protección da biodiversidade.  

O segundo informe permitiu caracterizar e cartografar a provisión potencial e real de servizos ecosistémicos nas áreas do proxecto. Analizouse a provisión potencial para un total de 51 servizos ecosistémicos, profundando na valoración de catro deles, considerados dos máis relevantes dos que están vinculados a un manexo gandeiros sostible en hábitats de interese comunitario: a produción gandeira, a biodiversidade (riqueza de especies), a produción de mel e o ecoturismo.  

En termos xerais, destaca que máis do 50% da superficie avaliada ten unha alta capacidade potencial de provisión de servizos ecosistémicos, poñendo de manifesto a importancia de conservar estes hábitats para as xeracións futuras. 

Os dous informes aos que fai referencia esta noticia están no apartado de publicacións da web de RURALtXA!: 

A6.1. Análise da percepción social na valoración dos servizos ecosistémicos xerados polos HIC e as actividades tradicionais vinculadas. 

A6.2. Avaliación dos principais servizos ecosistémicos xerados polos HIC e as actividades tradicionais vinculadas