ASINADOS 12 ACORDOS DE CUSTODIA EN GALICIA NO MARCO DE RURALtXA!

26.06.2025

Tras as reunións mantidas cos montes participantes en RURALtXA! en Galicia durante o ano 2024, conseguiuse a sinatura de 12 Acordos de Custodia que formalizan o compromiso voluntario dos propietarios dos devanditos montes para xestionar o seu territorio tendo en conta a conservación dos Hábitats de Interese Comunitario (HIC) por medio dun Plan de Manexo baseado en Resultados de Conservación redactado por técnicos do proxecto (dispoñible no apartado de Publicacións da web).  

En total, estes 12 Acordos de Custodia asinados en 3 das áreas piloto do proxecto (Serra do Xistral, Serra da Faladoira e Serra da Groba) abranguen unha superficie de máis de 10.000 ha das que case 4.000 ha corresponden a HICs. A esa superficie habería que engadir 10 Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) que xa se comprometeron coa conservación destes hábitats integrando nos seus Proxectos de Ordenación o Modelo de Xestión baseado en Resultados de Conservación redactado no proxecto LIFE in COMMON LAND. En total, unha superficie de máis de 16.500 ha e case 7.000 ha de HIC nas que a xestión está comprometida coa conservación. 

Cada Acordo de Custodia está asinado polos propietarios privados de cada monte e pola entidade de custodia Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), que nos acompañou en todas esas reunións de presentación dos propios acordos e dos Plans de Manexo. A vixencia destes acordos é de 5 anos, buscando que este compromiso siga vixente unha vez finalice o proxecto.  

Este Acordo de Custodia é un documento sinxelo no que as dúas partes asinantes adquiren unha serie de compromisos sempre buscando ese obxectivo de conservación e buscando tamén un beneficio para o propietario local. Ademais, recolle nun anexo os estudos de diagnóstico realizados no marco do proxecto para cada Monte: cartografía de hábitats, área de distribución dos Hábitats de Interese Comunitario e o seu estado de conservación, e unhas recomendacións de xestión e actuacións recomendadas baseadas nos Plans de Manexo redactados para cada área piloto.  

Por outra banda, grazas á sinatura destes acordos, os propietarios puideron ter acceso tanto á Rede de Traballo de RURALtXA! como ás ferramentas desenvolvidas, como á recentemente creada marca Saberes do Monte, ás visitas formativas a casos de éxito, ou aos cursos de formación, encamiñadas todas elas a poñer en valor as actividades tradicionais vinculadas á conservación das turbeiras e os queirogais.  

A ferramenta da Custodia do Territorio serve para implicar aos propietarios e usuarios do territorio na conservación e no bo uso dos valores e recursos naturais, culturais e paisaxísticos. Podes coñecer máis sobre esta ferramenta