Un cento de persoas, presentes no primeiro seminario RURALtXA!

27.11.2024

Esta mañá celebrouse o primeiro Seminario do Proxecto RURALtXA!, unha iniciativa de cooperación vasco-galega que busca impulsar a bioeconomía das zonas rurais poñendo en valor a gandería extensiva de montaña e outras ocupacións tradicionais, non só como actividades económicas necesarias para obter alimentos de calidade, senón tamén pola súa importante contribución ao mantemento da biodiversidade e dos hábitats de montaña.

Este seminario realizouse en liña e contou coa presenza dun cento de persoas de diferentes ámbitos relacionados coa gandería, a conservación, as administracións e as universidades. A xornada serviu para amosar os resultados acadados nas primeiras fases de RURALtXA!, centradas na caracterización dos hábitats e na súa recuperación a través de accións de restauración e do mantemento das actividades tradicionais que se desenvolven nas áreas piloto do proxecto.

Ata o de agora identificáronse e avaliáronse unhas 23.000 ha (11.000 en Galicia e 12.000 en Euskadi) de hábitats de interese comunitario de pastos, queirogais e turbeiras. Nestas zonas, estase a traballar con máis de 250 persoas comuneiras en Galicia e 130 en Euskadi, que continúan desenvolvendo actividades tradicionais asociadas a estes hábitats, como a gandería extensiva, o sistema de manexo de cabalos salvaxes ou a apicultura. Tamén novas formas de bioeconomía como as experiencias de ecoturismo, a observación de cabalos salvaxes ou as visitas interpretativas centradas no patrimonio cultural e etnográfico. En Euskadi, por exemplo, estase a apoiar e promocionar o queixo “Mendiko Gazta”, producido nas bordas de montaña de Aralar e Urbia, ao ser un produto que integra todos os valores de conservación de hábitats, paisaxe, cultura e tradición.

No que atinxe ás redes de traballo, Galicia conta xa con 122 integrantes e está a traballar coa Fundación Juana de Vega para desenvolver ferramentas de marketing que poidan axudar a poñer en valor e mellorar a comercialización dos seus produtos. En Euskadi, trabállase cunha rede composta por 33 gandeiros e gandeiras e 20 entidades vencelladas ao sector, co obxectivo de definir as principais necesidades formativas, de asesoramento ou de promoción de produtos que contribúan a mellorar a viabilidade das explotacións que utilizan os pastos comunais de montaña.

Plans de manexo e mellora de hábitats

Dentro dos traballos realizados desde RURALtXA! destaca a redacción de plans de manexo de hábitats para cada unha das áreas piloto do proxecto. En Galicia, xa se adheriron 8 Comunidades de Montes mediante a sinatura dun acordo de custodia coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, abrangue unhas 13.000 ha, das cales aproximadamente 5.500 ha son hábitats de interese comunitario. En Euskadi, as 3 Deputacións Forais comprometéronse a ter en conta os citados Plans de Manexo no seu labor como xestoras dos espazos naturais protexidos.

No ámbito da mellora e restauración de hábitats, realizáronse actuacións directas de conservación en 148 ha de hábitats que están en risco de desaparición. Entre estas actuacións inclúense rozas en queirogais, retirada de arborado e restos de corta en turbeiras e outras accións orientadas á recuperación de cabalos salvaxes para mellorar o estado de conservación dos queirogais húmidos. Tamén se testaron prácticas novidosas como as queimas prescritas, os controis de fento cun rolo especial ou a utilización de colares de xeoposicionamento con valado virtual para o gando.

Dentro duns días, daremos acceso ao vídeo co contido do seminario e ao documento de conclusións.