28.02.2025
A Mariña Lucense acollerá o segundo Encontro natureWatch que se realiza en Galicia, que se desenvolverá do venres 28 ao domingo 30 de marzo e y contará coa colaboración especial do proxecto RURALtXA! A Serra do Xistral será protagonista deste Encontro de Turismo da Observación da Natureza patrocinado nesta ocasión polo Plan de Sustentabilidade Turística en A Mariña Lucense.
Estes Encontros natureWatch son foros especializados de ecoturismo cuxo obxectivo fundamental é contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza. En A Mariña Lucense, natureWatch terá como temáticas centrais o turismo ornitolóxico, a xeoloxía e a botánica do territorio, sen dúbida, recursos naturais sobresaíntes que definen un espazo único. Dende o Monumento Natural praia das Catedrais ata a Serra do Xistral, os participantes terán a oportunidade de descubrir unha comarca fascinante e o seu enorme potencial ecoturístico.
O programa conta con relatorios e con visitas de campo guiadas por técnicos e empresas locais. Os relatorios levaranse a cabo o venres pola tarde e o sábado, e incluirán unha presentación do territorio, o seu patrimonio natural, patrimonio xeolóxico e xeoturismo, entre outros temas.
EO venres pola tarde terá lugar unha tertulia co fotógrafo Andoni Canela, quen presentará e asinará exemplares do seu último libro “Territorio Lobo”. Jaime Fagúndez, profesor da Universidade da Coruña e coordinador do proxecto, presentará RURALtXA! e os valores naturais da Serra do Xistral. Entre as experiencias ligadas ao noso proxecto, Finca Moreiras contará as experiencias centradas na observación de cabalos salvaxes que ofrece na Serra da Groba e haberá unha degustación de produtos da Rede de RURALtXA!
A última mañá do Encontro transcorrerá no campo, na Serra do Xistral, onde os participantes terán a oportunidade de coñecer a importancia das turbeiras e a súa flora da man de Ramón Díaz Varela (profesor de botánica da Universidade de Santiago de Compostela), e o sistema de breixos-cabalos da man de Laura Lagos (investigadora do proxecto RURALtXA! na Universidade da Coruña).
Esta acción está promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sustentabilidade Turística en A Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Así mesmo, conta coa colaboración especial de RURALtXA!, que recolle entre os seus obxectivos mellorar as capacidades locais e rexionais para o desenvolvemento dun ecoturismo baseado na biodiversidade e nas actividades tradicionais.
Máis información, programa completo e inscricións en: www.encuentronaturewatch.com.