02.04.2025
Entre o 28 e o 30 de marzo tivo lugar en Barreiros (Lugo) o encontro de turismo de observación da natureza natureWatch A Mariña Lucense, un evento de referencia en ecoturismo a nivel estatal, ao que asistiron máis de 60 persoas.
Os encontros natureWatch son foros especializados de ecoturismo que se organizan co obxectivo de contribuír de forma ordenada ao impulso do turismo de observación da natureza dun determinado territorio, sempre ligado á conservación dos valores naturais sobre os que se constrúe. Combinan ponencias e mesas redondas con visitas guiadas para a observación dos recursos naturais máis relevantes dos espazos naturais protexidos onde se desenvolven.
A comarca da Mariña Lucense, que inclúe a parte norte da Serra do Xistral, nos concellos de Viveiro, Xove, Ourol, O Valadouro e Alfoz, foi a protagonista deste encontro centrado en valores como a xeoloxía, a botánica e a ornitoloxía.
Este evento foi promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. RURALtXA! foi colaborador especial na organización deste evento, participando no deseño das actividades e no seu desenvolvemento. Destaca o traballo de Daboecia, Arte y Naturaleza e de Alfonso Polvorinos (ElEcoturista.com) na idea orixinal e organización técnica deste evento.
Na tarde do venres, Jaime Fagúndez, coordinador de RURALtXA!, presentou a Serra do Xistral, explicando a singularidade dos Hábitats de Interese Comunitario presentes neste espazo, destacando as turbeiras de cobertor e a presenza de certas especies endémicas adaptadas ás particulares condicións de humidade destes hábitats. Tamén explicou o sistema de manexo tradicional dos cabalos salvaxes da Serra do Xistral e como estes animais son clave nos ecosistemas. Finalmente, fixo un repaso sobre o traballo de RURALtXA! para conservar estes valiosos hábitats e apoiar ás persoas que manteñen as actividades tradicionais na zona.
A tertulia temática contou con Andoni Canela, que presentou o seu libro Territorio Lobo, no que retrata ao cánido en diferentes lugares da xeografía ibérica, entre os que se atopa a Serra do Xistral. Este fotógrafo de natureza leva anos capturando imaxes de fauna silvestre en todo o mundo e é un bo coñecedor do Xistral e da complexa convivencia co lobo nesta serra.
Na tarde do sábado celebrouse unha degustación dos produtos da Rede de Traballo de RURALtXA!, todos eles orixinarios da Serra do Xistral. Nesta primeira experiencia de promoción participaron os irmáns Raquel e Javier Vázquez Picos con Mel Vituco (mel monofloral de breixo e mel multifloral) e Manuel Rivas, propietario dunha pequena explotación de vacún de carne situada na parroquia de Labrada, en Abadín, que produce tenreira galega. Ademais, tamén contamos con Casa Carracedo para facilitar a venda directa e de km0 do gandeiro ao restaurante. O restaurante Rías Altas foi o encargado de elaborar distintas propostas con estes produtos, acompañados en ocasións de distintos queixos, entre eles o famoso queixo de San Simón, producido tamén nesta serra. Tanto as abellas das colmeas situadas en O Viveiró (Muras) como as vacas de raza rubia galega da explotación utilizan os breirais de Erica mackayana, contribuíndo así á súa conservación.
Adrián Martíns foi o representante da Serra da Groba da Rede de Traballo de RURALtXA!, dando a coñecer as experiencias que ofrece Finca Moreiras nesta serra, como por exemplo safaris para a observación dos cabalos salvaxes e o seu comportamento, rutas a cabalo percorrendo os breirais da serra e visitas interpretativas aos curros dos cabalos salvaxes, entre outras. Ofreceu unha visión moi interesante do rico patrimonio ecuestre vinculado á presenza dos cabalos salvaxes nos montes, que non sempre foi correctamente valorado. Ademais destas actividades na Serra da Groba, Adrián tamén guía expedicións ecuestres por todo o mundo, desde Islandia ata Kazaxistán.
Por último, César A. Blanco participou nunha mesa redonda na que se realizou unha análise DAFO sobre o desenvolvemento do ecoturismo na comarca da Mariña Lucense, onde se puxo de manifesto a gran oportunidade que supón a singularidade das paisaxes desta zona e a necesidade de centrarse no ecoturismo asociado á conservación dos valores naturais.
Na mañá do domingo, tras a proxección dunha peza documental centrada nos cabalos salvaxes e nos curros como elemento fundamental da paisaxe natural e cultural do Xistral, elaborada por Andoni Canela, a expedición trasladouse á Serra do Xistral para unha visita organizada polo equipo de RURALtXA! centrada en tres temas: 1) Hábitats de queirogais e turbeiras e as súas especies máis características, a cargo de Ramón Díaz-Varela, profesor da USC e coordinador técnico de RURALtXA!; 2) Cabalos salvaxes, a cargo de Laura Lagos, investigadora de RURALtXA! na UDC, Javier Fraga (besteiro) e Andoni Canela; 3) O lobo, a cargo da organización REBINXE.
Javier Fraga, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Miñotos, onde tivo lugar a actividade, deu a benvida aos asistentes, e varios comuneiros participaron activamente na visita, enriquecendo enormemente a experiencia para os visitantes ao aportar a súa visión e o seu coñecemento, especialmente en temas tan importantes como o sistema tradicional de cabalos salvaxes e a súa relación cos hábitats, ou a alta depredación de poldros por parte do lobo ibérico coa que teñen que lidar na Serra do Xistral.
Temos que sumar os contactos realizados entre os guías e empresas locais coas que esperamos colaborar no que queda de proxecto, e o aprendido no resto de ponencias, que afondaron nos valores naturais, culturais e xeolóxicos da Mariña e a súa contorna, como a importancia de Estaca de Bares como principal paso migratorio de aves mariñas de Europa, os xeoparques de Cabo Ortegal e Montañas do Courel, ou o interese da Praia das Catedrais desde un punto de vista xeolóxico, entre outros.
Tamén queremos destacar o traballo realizado e a importancia do Plan de Sostenibilidade Turística de la Mariña Lucense e o traballo do Colectivo Gastronómico da Mariña, así como a relevancia e o enfoque sostible e integrador dos valores naturais e culturais das moitas experiencias ecoturísticas que foron descritas, sempre tendo como base a conservación da natureza e o apoio ás comunidades locais, liña na que tamén traballamos desde o proxecto RURALtXA!