11.02.2025
Tralo seu paso os últimos meses pola contorna da Serra da Groba (Pontevedra), a exposición itinerante RURALtXA! volve á provincia de Lugo, onde poderás visitala de luns a venres de 8:30 a 21:00 durante as dúas próximas semanas no Edificio da Ampliación da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, no Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
Dende que foi presentada por primeira vez en Oficina de Turismo de Oia (Pontevedra), máis de 4.000 persoas puideron gozar desta exposición que trata de recoller algúns dos principais valores naturais e culturais das áreas piloto de Galicia onde se desenvolve o proxecto: Serra do Xistral, Monte Maior, Serra da Faladoira e Serra da Groba.
A exposición consta de 34 fotografías acompañadas dun texto interpretativo, que repasan as paisaxes de turbeiras e queirogais obxecto de conservación do proxecto, a biodiversidade de fauna e flora, os valores culturais asociados á gandería extensiva, a apicultura ou o sistema tradicional de cabalos salvaxes e o traballo desenvolvido en RURALtXA!. Tódalas fotografías están tomadas nas áreas de estudo, polo equipo do proxecto e por algún comuneiro.
Non podes deixar escapar esta oportunidade!