Presentada la exposición de RURALtXA! en la sede del Instituto de Estudos Miñoráns en Gondomar

05.12.2024

O pasado venres 29 de xuño, representantes do equipo técnico de RURALtXA! xunto con representantes do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) presentaron a exposición itinerante de RURALtXA! na Aula Ponte das Rosas, do IEM, en Gondomar. 

Laura Lagos e José Ángel Penín, da UDC, explicaron que é RURALtXA!, cales son os valores dos hábitats de queirogais e turbeiras cos que traballa o proxecto e por que actividades tradicionais como a dos cabalos salvaxes no monte son tan importantes para a súa conservación. Describiron os traballos de mellora e recuperación de turbeiras que se están levando a cabo na Serra da Groba e aproveitaron para presentar o sistema de seguimento fotográfico mediante ciencia cidadá que están a poñer a punto para realizar un estudo a longo prazo sobre a efectividade destes traballos de conservación. Así mesmo, comentáronse as principais liñas de traballo no referente ao sistema para impulsar unha bioeconomía baseada na conservación e posta en valor destes hábitats de interese a nivel europeo. 

 Realizouse un percorrido polos distintos paneis da exposición e os asistentes tiveron a oportunidade de debater sobre os retos aos que se enfrontan os hábitats de montaña e sistemas como o dos cabalos salvaxes, así como as posibles solucións a desenvolver. Destacouse o bo ambiente e o interese dos asistentes, entre os cales contamos con representantes dos propietarios dos cabalos da Groba. 

A exposición poderá visitarse ata o 20 de decembro, polas mañás en horario de 10:00 a 13:30, e polas tardes os martes e venres de 19:00 a 21:00. Consta de 34 fotografías acompañadas dun texto interpretativo, que percorren as paisaxes, a biodiversidade de fauna e flora, os valores culturais asociados á gandería extensiva, a apicultura ou o sistema tradicional de cabalos salvaxes, e o traballo desenvolvido en RURALtXA!. Todas as fotografías están tomadas nas áreas de estudo, polo equipo do proxecto e por algún comuneiro. 

 As entidades relacionadas coa temática medioambiental interesadas en acoller a exposición de RURALtXA! nas súas instalacións poderán solicitalo poñéndose en contacto a través da web.