A exposición de RURALtXA! preséntase en Oia

13.06.2024

O 6 de xuño inaugurouse no Concello de Oia (Pontevedra)a exposición fotográfica de RURALtXA! para Galicia, coa participación da alcaldesa de Oia, o coordinador do proxecto, e parte do equipo das universidades da Coruña, de Santiago e 3edata 

Esta exposición pretende divulgar os valores dos hábitats de montaña cos que traballa o proxecto, e das actividades tradicionais que os manteñen, así como dar relevancia aos servizos ecosistémicos asociados aos queirogais e turbeiras. Consiste en 34 fotografías, acompañadas dun texto interpretativo, que repasan as paisaxes, a biodiversidade de fauna e flora, os valores culturais asociados á gandería extensiva, a apicultura ou o sistema tradicional de cabalos salvaxes, e o traballo desenvolvido en RURALtXA!. Tódalas fotografías están tomadas nas áreas de estudo, polo equipo do proxecto e por algún comuneiro. 

O municipio de Oia abarca a maior parte das Comunidades de Montes incluídas na Área Piloto Serra da Groba, o cal foi decisivo para comezar neste lugar o percorrido da exposición. A exposición móstrase na Oficina de Turismo e poderá ser visitada a partir do 8 de xuño, de mércores a domingo, en horario de 10:00 a 16:00, ata o 23 de xuño. A súa localización – no Camiño de Santiago (Camiño Portugués da Costa) e nas inmediacións do Mosteiro de Santa María de Oia – permite prever unha boa afluencia nas dúas semanas e media que permanecerá exposta. Posteriormente pasará a outros municipios da contorna da Serra da Groba, como O Rosal, para logo comezar o seu percorrido na contorna da Serra do Xistral. 

As entidades relacionadas coa temática ambiental que estean interesadas en acoller a exposición de RURALtXA! nas súas instalacións poderán solicitalo poñéndose en contacto a través da web. 

.