Publicada a Estratexia de Promoción e Comercialización de RURALtXA! para Galicia

13.02.2025

A principal liña de traballo de RURALtXA! é a creación dunha Rede de Traballo con produtores comprometidos coa xestión sustentable dos hábitats. Desde o proxecto estanse a poñer en marcha un conxunto de ferramentas para axudar ás persoas pertencentes a esta Rede a mellorar a valorización e comercialización dos seus produtos. 

Este Plan Estratéxico de Promoción e Comercialización é unha das ferramentas clave para impulsar a bioeconomía nos territorios que conforman a Rede de Traballo de RURALtXA!. O Plan baséase nas necesidades de mellora na comercialización e promoción que se puxeron de manifesto nos traballos previos realizados a través de entrevistas e reunións coas persoas produtoras das CMVMC participantes no proxecto. Nelas destacouse a necesidade de poñer en valor os produtos que derivan das actividades tradicionais que contribúen á conservación dos hábitats de montaña e dos servizos ecosistémicos que estes xeran. 

A Estratexia destaca a necesidade de elaborar un distintivo ou marca para a súa diferenciación no mercado, recolle os posibles canais de distribución e venda, e detalla as accións de comunicación e as posibles accións promocionais a levar a cabo. 

Esta Estratexia foi elaborada grazas ao contrato de asistencia para apoio en promoción e comercialización subscrito coa Fundación Juana de Vega, entidade con ampla experiencia en procesos de dinamización e desenvolvemento rural. 

Entre os seus obxectivos destacan, entre outros: 

  • Posicionar a marca resultante de RURALtXA!, consolidándoa como un referente en produtos e experiencias sustentables vinculados aos valores de biodiversidade, autenticidade e revitalización rural. 
  • Aumentar a visibilidade e o recoñecemento entre os consumidores conscientes e responsables dos produtos e servizos xerados na contorna de RURALtXA! 
  • Crear espazos de colaboración e sinerxía entre produtores locais, distribuidores, administracións e consumidores, fortalecendo as relacións entre todos os participantes do proxecto. 
  • Fortalecer a conexión emocional co territorio promovendo unha relación máis próxima entre os consumidores e o territorio, destacando a singularidade dos seus ecosistemas, a autenticidade dos seus produtos e o impacto positivo das súas prácticas tradicionais. 

Desde RURALtXA! seguiremos traballando da man dos produtores para desenvolver e potenciar a marca resultante, executar algunhas das accións promocionais recollidas no documento a modo de experiencias piloto, e definir novas ferramentas que impulsen a bioeconomía nas áreas de montaña con presenza destes hábitats tan singulares. 

Esta Estratexia marca a folla de ruta para o impulso da bioeconomía de RURALtXA! Galicia.

Consultar a estratexia