10.12.2025
RURALtXA! celebra en Ferreira do Valadouro unha formación para a súa Rede de Traballo sobre opcións para a creación dun cebadoiro e dunha sala de despezamento comunitarios.
Este curso forma parte do Sistema Integrado de Ferramentas para o Impulso da Bioeconomía do proxecto e ten como obxectivo formar os gandeiros das Comunidades de Montes da Serra do Xistral sobre as distintas opcións dispoñibles para producir xatos acabados. A meta é que, no futuro, a súa carne poida comercializarse mediante venda directa ao consumidor ou a establecementos hostaleiros da zona, baixo a marca Saberes do Monte.
O diagnóstico das actividades tradicionais realizado nas fases iniciais do proxecto puxo de manifesto que o sistema gandeiro na Serra do Xistral contempla, por norma xeral, a venda de xatos de 3 a 5 meses, que posteriormente se engordan en cebadoiros doutras zonas. Só unha pequena porcentaxe -menos do 15 %- dos gandeiros realiza o cebo na súa propia explotación e vende xatos “acabados”.
Pechar o ciclo produtivo no propio Xistral permitiría que un maior número de gandeiros puidese comercializar carne co valor engadido da marca Saberes do Monte, que a distingue como un produto procedente dunha gandaría sostible, comprometida e que contribúe á conservación de hábitats tan valiosos como os queirogais e as turbeiras.
Ovidio Queiruga, da CM de Baroña, explicou o proceso que seguiu a súa Comunidade para crear un centro de transformación de carne no que elaboran produtos cárnicos con maior valor engadido.
Carmen Freire, de Aquelando, afondóu na experiencia da Comunidade de Montes de Baroña e noutros exemplos de espazos colaborativos de transformación, empregando como modelo o funcionamento do espazo colaborativo de Brión, no que hoxe en día máis de 200 persoas transforman produtos da horta e poden vendelos tanto en fresco como transformados en zumes, marmeladas, pans, cereais, etc. Analizáronse os tipos de figuras xurídicas máis axeitadas para a xestión destes espazos e o seu funcionamento.
Pilar García, de Mesquiteira, fixo un repaso polos aspectos técnicos e sanitarios para a creación dun cebadoiro e dunha sala de despezamento comunitarios, polas tendencias de consumo de carne e polas opcións máis sostibles para realizar o cebo final dos animais, que permiten obter un produto diferenciado pola súa sustentabilidade, en liña coa filosofía de Saberes do Monte.
Ao final da xornada abriuse un debate sobre as distintas opcións para pechar o ciclo e as necesidades dos gandeiros nestas montañas.
O domingo o curso completouse cunha visita a Celtaverde, en Taboada, e cunha sobremesa en Casa Romualdo na que se traballou en unhas conclusións útiles de cara ao futuro proceso de xestión de infraestruturas comúns asociadas á marca Saberes do Monte: