15.07.2024
Os colares GPS convertéronse nunha ferramenta tecnolóxica de gran utilidade para a gandaría extensiva, e en particular para o sistema tradicional de bestas ou cabalos salvaxes tan característico do Xistral e da Groba. Permiten que os cabalos continúen vivindo en liberdade, como sempre fixeron, pero con maior control ou coñecemento dos seus movementos por parte dos seus propietarios.
Desde RURALtXA! empregamos estes colares cun dobre obxectivo. Por unha banda, permítennos facer un seguimento do uso do espazo e dos hábitats por parte destes animais. Isto axudaranos a coñecer e divulgar o papel dos cabalos salvaxes para a conservación de queirogais e turbeiras. Por outra banda, mediante esta tecnoloxía facilítase aos comuneiros o manexo dos cabalos salvaxes. Por iso centrámonos en animais con manexo tradicional, sempre no monte e que non se rotan ou baixan aos pasteiros en ningún momento do ano.
Colocamos un colar por grea, sempre nunha égoa ben integrada na mesma e con movementos que poidan ser representativos dos da grea. Isto require ter un bo coñecemento previo da estrutura social das greas. Para isto realizamos visitas periódicas para rexistrar a composición dos grupos ou nalgúns casos recorremos aos besteiros que coñecen ben con que garañón vai cada égoa.
O proceso inclúe o seguimento das mandas, a colocación dos colares e a posterior análise dos datos.
De entre as actividades tradicionais coas que traballa RURALtXA! en Galicia, destaca este sistema tradicional de cabalos salvaxes pola súa contribución a un estado de conservación favorable das breixeiras húmidas atlánticas, un hábitat de interese comunitario prioritario.