Publicados os vídeos de presentación de RURALtXA!

12.12.2023

Xa están publicados os vídeos de presentación de RURALtXA! Se tes interese en coñecer máis sobre os obxectivos do Proxecto e como éste trata de conservar certos hábitats de interese comunitario para a Unión Europea a través do fomento da bioeconomía rural, non podes perderte o seu visionado.

Rodados na Serra do Xistral e Serra da Groba en Galicia e en Sierra Salvada e o Parque Natural Aizkorri-Aratz en Euskadi (4 das 9 áreas piloto nas que traballa RURALtXA!), neles poderás contemplar imaxes impresionantes dalgúns dos hábitats que traballa por conservar o proxecto así como coñecer máis a fondo a importancia que as actividades tradicionais teñen en dita conservación.

Ao longo do vídeo, grazas á testemuña de gandeiros, comuneiros e técnicos do proxecto, pódese entender un pouco mellor a fráxil relación que se establece entre a conservación da natureza e o modo de vida da poboación rural. Estes produtores e habitantes locais desenvolven unha actividade económica que permite manter unha heteroxeneidade nos hábitats e conservar a biodiversidade e os servizos ecosistémicos asociados, imprescindibles para o conxunto da sociedade.

Podes ver os vídeos no seguinte link:

RURALtXA! ten como obxectivo crear un Sistema Integrado de Impulso á Bioeconomía para persoas gandeiras comprometidas cun manexo sostible e orientado á conservación dos hábitats. A revalorización destas actividades e os seus produtos logrará mellorar a calidade de vida dos actores rurais como motor de desenvolvemento sostible en áreas que se enfrontan ao reto demográfico do despoboamento.