Actuación para a restauración dunha turbeira elevada en Viladesuso

24.11.2025

Nas turbeiras, as canles de drenaxe e as cárcavas que se xeran pola erosión aceleran a perda de auga e solo, provocando o descenso do nivel freático e a oxidación da materia orgánica, liberando CO₂ e CH₄ ao quedar a turba ao descuberto. 

Nunha das turbeiras elevadas do Campo da Pedra, na CMVMC de Viladesuso, Oia, levouse a cabo unha actuación integral que incluíu a eliminación do piñeiral do contorno da turbeira, a instalación de diques para o bloqueo da cárcava e a construción dun peche de exclusión do gando que permita a recuperación da vexetación característica da turbeira. 

Realizouse a corta e retirada de 1,8 ha de Pinus pinaster e P. radiata, situados tanto nas turbeiras elevadas comas nas súas respectivas orlas e inmediacións. A presenza destas árbores altera as condicións físicas e químicas dos solos turbosos, ademais de sombrear a vexetación da turbeira. 

Construíronse tres diques para o bloqueo da cárcava. A fenda, de 10,5 m de longo e ata 1,75 m de ancho, está situada na marxe oeste do humidal, próxima ao punto de desaugadoiro. Por iso, procedeuse á instalación de tres diques de madeira, con troncos procedentes da corta. A instalación de diques preséntase como unha solución ideal en cárcavas e drenaxes con pouca pendente no seu eixo lonxitudinal (<6º). Co bloqueo conséguese a ralentización do fluxo da auga, reducindo a erosión hídrica e evitando así que a cárcava siga medrando. Tamén eleva o nivel freático, rehumectando a turbeira e permitindo así a rexeneración de Sphagnum spp. e outras especies formadoras de turba. 

O peche de exclusión de 0,13 ha permitirá a recuperación da vexetación do hábitat onde se atopa a cárcava, restaurando a estrutura do solo e mellorando, por conseguinte, a retención hídrica e a capacidade de secuestro de carbono nos solos. 

A actuación levouse a cabo co apoio da CMVMC de Viladesuso.