Restauración de 20 ha de turbeiras na Serra do Xistral mediante a corta e retirada de piñeiros

11.11.2025

A presenza de Pinus spp. nas turbeiras cambia as condicións hidrolóxicas e dificulta o crecemento dos musgos de turbeira, que son os principais responsables de formar turba e os que teñen unha maior capacidade para reter auga. Tamén alteran as condicións de luz e achegan materia orgánica, o que afecta á vexetación tan especializada e adaptada á escaseza de nutrientes destes ecosistemas. 

A finais do verán, no MVMC da Balsa cortáronse e retiraronse Pinus sylvestris en 14 ha destes humidais, das cales 9 ha sitúanse no complexo de turbeiras altas activas do nacemento do río Eume, e as 5 ha restantes en turbeiras de cubertor que forman parte da cabeceira fluvial do curso Seixo Branco, afluente do Eume.  

A corta realízase de maneira manual, empregando motoserra, e a extracción efectúase mediante arrastre con cable dende o perímetro da zona de actuación. O sistema de arrastre permite desprazar as árbores coa copa apoiada sobre a vexetación, o que reduce o impacto sobre o solo e minimiza o risco de erosión. 

Con esta acción contribúese á conservación da biodiversidade asociada a estas formacións, mellorando a súa capacidade de retención de auga e de captura de carbono no solo.