20.11.2025
Durante os meses de setembro e outubro levouse a cabo a restauración mediante a retirada de arborado de 24 hectáreas do complexo de turbeiras altas activas da Valga no Monte Veciñal en Man Común de Loureza, na Serra da Groba.
A actuación, executada pola empresa local Manuel Fernández Pregal, traballos agrícolas e forestais, ten por obxectivo asegurar a conectividade de diferentes turbeiras repartidas por este monte, asegurando a súa funcionalidade e conseguindo un bo estado de conservación mediante a curta e retirada de piñeiros.
Unha vez consensuada a actuación cos propietarios, neste caso a Comunidade de Montes de Loureza, a alta sensibilidade e fraxilidade destes hábitats obriga a planificar con gran detalle a actuación, marcando en campo as árbores para retirar, as áreas sobre as que poderá circular a maquinaria e balizando os elementos de patrimonio cultural para que sexan respectados durante a execución dos traballos.
A finais de verán ou principios de outono, co terreo nas condicións máis secas posibles para evitar o impacto no solo, comeza a actuación co apeo manual con motoserra dos pés para cortar, deixando o toco o máis baixo posible e orientando a caída da árbore para facilitar a súa extracción da turbeira.
A saca dos pés enteiros realízase directamente cun tractor lixeiro con pinza e remolque no caso de que estean no perímetro da actuación. No caso de que a árbore cortada estea no interior da turbeira, e sempre evitando a entrada de maquinaria nas zonas máis sensibles, cabléanse, co tronco suspendido para que non marque o chan, ata o bordo da zona de actuación onde son recollidos coa pinza polo propio tractor.
Por último, todas as árbores do remolque son transportados a cargadeiro para a súa definitiva eliminación. Con esta metodoloxía minimízanse os impactos na execución da actuación e apenas quedan polas ou restos dos piñeiros extraídos.
A presenza de piñeiros neste hábitat de interese comunitario é un indicador de mal estado de conservación xa que altera as condicións físico-químicas dos chans turbosos, podendo drenar o chan ou afectando á vexetación propia do hábitat achegando materia orgánica que evita o correcto funcionamento da turbeira, necesario para proporcionar servizos ecosistémicos chave no contexto de cambio climático no que nos atopamos, como son a retención de carbono ou a regulación do ciclo hidrolóxico.