RURALtXA! ENTRA NAS AULAS DE COLEXIOS DAS ÁREAS PILOTO DE GALICIA

02.07.2025

Coa chegada do final do curso escolar, chega tamén á fin da campaña de visitas a colexios en Galicia de técnicos de RURALtXA!, para falar sobre hábitats de queirogais e turbeiras e sobre as actividades tradicionais que xogan un papel chave na súa conservación.  

Na zona norte de Galicia, os técnicos do proxecto desprazáronse no mes de abril ás aulas do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín) e do CEIP Santa María do Valadouro (Ferreira do Valadouro). Unha vez alí, explicaron aos alumnos de 3º a 6 de primaria cunha presentación moi visual en que consiste este proxecto, que hábitats traballa por conservar e por que é importante que entre todos fagamos un esforzo para mantelos en bo estado de conservación. Ademais, falamos de servizos ecosistémicos e que mellor forma de entender este concepto que cun experimento que mostra o importante papel que xogan as turbeiras como filtradores e como esponxas, axudando a regular o ciclo hidrolóxico (podes ver o experimento nesta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=jQ7z5Sob8jY&ab_channel=Ruraltxa)  

Ademais, tivemos a sorte de contar con produtores locais (exalumnos destes centros nalgúns casos), que falaron en primeira persoa das súas vivencias desde nenos na Serra do Xistral, o seu traballo diario como gandeiros e apicultores e temas tan importantes como a importancia da abella para estes ecosistemas e para o ser humano ou a importancia de apostar por un consumo local de km.0 tanto polo ben da nosa contorna como polo ben da nosa saúde. O noso agradecemento desde aquí a Javier e Raquel de Mel Vituco e a Alejandro e Esteban da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) de Frexulfe, por dar un valor engadido á experiencia que fará que nosos máis pequenos lembren esta visita.  

Na zona sur de Galicia, foron os estudantes de 2º da ESO do Colexio Los Sauces de Vigo, os que nos visitaron na Serra da Groba. Na primeira parte da mañá e guiados por técnicos do proxecto, visitaron sobre o terreo o complexo de turbeiras e queirogais do MVMC de Loureza (Oia), coñecendo máis a fondo RURALtXA!, as especies máis características destes hábitats e falando sobre actividades tradicionais, acompañados ademais pola guía local Patricia, de Amodo Turismo; na segunda parte, os nosos visitantes puxéronse o traxe de apicultor e puideron ver un colmenar da man de Marcos de Mel Niño do Corvo, aprendendo todo sobre o seu traballo e sobre a abella. De novo queremos agradecer a estes produtores locais dar un valor diferencial a esta experiencia.  

En total, máis de 180 alumnos e alumnas tiveron a sorte de participar nestas actividades por RURALtXA! co obxectivo de concienciar sobre como unha xestión sostible do territorio é a base para desenvolver unha bioeconomía rural que axude ao mesmo tempo a conservar os hábitats onde se desenvolve e a impulsar e mellorar as condicións laborais e de vida da poboación local.