15.10.2025
A Feira do Mel do Valadouro celébrase desde hai 38 anos en Ferreira do Valadouro, capital deste concello que abrangue a parte central da Serra do Xistral. Nesta serra prodúcese un dos mellores meles de queiroga de Galicia; o mel é un dos produtos procedentes de actividades tradicionais vinculadas á conservación dos queirugais que RURALtXA! porá en valor a través da marca Saberes do Monte.
O pasado 11 de outubro, RURALtXA! participou nesta feira para dar a coñecer o proxecto e a marca Saberes do Monte (creada no marco do proxecto), reforzando así tanto a posición da marca como o compromiso das universidades da Coruña e de Santiago de Compostela coa súa consolidación no territorio.
No stand do proxecto, investigadores da UDC presentaron a estratexia de RURALtXA!, destacando a importancia dos hábitats cos que traballa e o papel das actividades tradicionais na súa conservación. Así mesmo, explicouse ás persoas visitantes en que consiste a marca Saberes do Monte e promocionáronse os primeiros produtores adheridos a ela. Entregouse material promocional do proxecto e dípticos de RURALtXA! e de Saberes do Monte.
Ao longo da xornada, preto de 80 persoas visitaron o stand, entre elas numerosos comuneiros de Comunidades de Montes que participan en RURALtXA!
Ademais, no Hotel Vilado Val, situado na praza onde se celebra a feira, foi posible visitar a exposición itinerante de RURALtXA!