RURALtXA! nas xornadas sobre a custodia do territorio nas universidades españolas

31.05.2023

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) tivo a oportunidade de presentar o pasado día 29 e 30 de maio o proxecto RURALtXA! nas xornadas “A custodia do territorio nas universidades españolas, unha ferramenta de innovación”, organizadas pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), coordinadora da Plataforma de Custodia do Territorio, e a Universidade de Granada (UGR).

O evento, que tivo lugar en Madrid, reuniu a máis de 15 representantes de diferentes institucións universitarias procedentes de sete comunidades autónomas, que presentaron diversas iniciativas de conservación nas que a Custodia do Territorio ten ou podería ter un papel clave.

Durante a xornada, púxose de manifesto a importancia que a custodia do territorio ten como ferramenta de conservación e o gran potencial que as universidades poden ter na súa aplicación, xa sexa como entidade de custodia propiamente dita ou como formadora ou facilitadora de acordos. Ademais, definíronse as liñas de traballo estratéxicas para poder desenvolver todo este potencial nos próximos anos, o que permitiría que as universidades poidan aumentar o impacto positivo que exercen sobre o territorio a nivel ambiental, social, cultural e económico.

RUALtXA! está coordinado pola Universidade da Coruña e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e HAZI Fundazioa. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

.