23.06.2025
O pasado día 6 de xuño, os comedores escolares do CEIP Santa María do Valadouro en Ferreira do Valadouro e CEIP Aquilino Iglesia Alvariño en Abadín, tiveron a oportunidade de contar con carne de produtores locais da Rede de Traballo de RURALtXA! para preparar os seus pratos do menú.
Durante o mes de abril, técnicos do proxecto RURALtXA!, acompañados de produtores locais, estiveron en ambos os colexios presentando o proxecto e explicando aos alumnos e alumnas a importancia da Serra do Xistral, os hábitats tan singulares que alberga, o papel das actividades tradicionais ou a importancia do consumo local.
Agora, grazas á organización desta experiencia nos comedores escolares, puideron saborear algúns deses produtos derivados das actividades tradicionais, gozando dun menú con carne de gandería que axuda á conservación da biodiversidade da súa contorna máis próxima. En total, ao redor de 175 persoas entre alumnos, profesores, cociñeiros e axudantes puideron degustar os ricos pratos que se prepararon en cada colexio.
Ademais, para maximizar o alcance da actividade e dar a coñecer o proxecto, desde os Centros Educativos implicados enviouse unha notificación a todas as familias nos días previos ao evento.
Esta experiencia enmárcase dentro das accións de promoción de marca Saberes do Monte, cuxo obxectivo é poñer en valor os produtos que se xeran mediante actividades tradicionais como a gandería en extensivo de vacún, o sistema de manexo tradicional de cabalos salvaxes ou a apicultura, todas elas cun papel chave na conservación de hábitats tan valiosos como os queirogais e as turbeiras da Serra do Xistral.