27.02.2025
A semana pasada tivemos o pracer de recibir a unha representante da Comisión Europea interesada en coñecer todos os avances e traballos de RURALtXA! como continuación dos resultados alcanzados no Proxecto LIFE IN COMMON LAND.
Durante o primeiro día, na sede da Deputación de Lugo, o equipo técnico de RURALtXA! e da empresa 3edata, contratada para o apoio á coordinación e xestión do proxecto, tiveron a oportunidade de introducir o proxecto e os seus principais avances e logros conseguidos ata a data. Ademais, persoal da propia Deputación, coordinadores do proxecto LIFE IN COMMON LAND, puideron explicar as actividades nas que se segue participando dende que este proxecto LIFE finalizou en decembro de 2022.
O segundo día, baixo as sempre difíciles condicións climáticas da Serra do Xistral, reunímonos en campo con varias comunidades de montes que explicaron detalladamente o seu papel en ambos os proxectos, expresaron as súas inquedanzas e opinións sobre o futuro da gandería en extensivo e as bestas nesta serra e responderon a todas as preguntas formuladas pola persoa representante da Comisión.
Desde RURALtXA! queremos agradecer moi especialmente a todas as persoas das comunidades de montes, propietarios, empresas e membros da Xunta, a súa colaboración, ao longo destes dous días intensos, así como a súa boa disposición, como axentes chave do territorio que sempre están dispostos a participar neste tipo de accións de transferencia para que poidan replicarse as accións desenvolvidas neste proxecto no futuro.