13.12.2024
Na primeira metade de novembro, aproveitando o tempo máis seco polo norte de Galicia, RURALtXA! levou a cabo traballos de conservación de hábitats en queirogais e turbeiras situadas en terreos particulares en O Freixo (As Pontes de García Rodríguez), nas abas da Serra da Faladoira.
Nesta zona, situada fóra da Rede Natura 2000, consérvanse amplas extensións de queirogais húmidos que están a desaparecer progresivamente coa expansión das masas de eucalipto. Os terreos que conforman a Área Piloto Serra da Faladoira posúen boas representacións de estes queirogais e forman parte dunha propiedade máis ampla que tamén inclúe zonas de prados, humidais, bidueirais e fragas, que é xestionada co obxectivo de conservar os valores ambientais. Para isto, os propietarios manteñen un rabaño de vacas de raza vianesa.
No pasado, eran abundantes os cabalos salvaxes nestes montes, pero foron desaparecendo progresivamente. Nas primeiras fases do proxecto detectouse a necesidade de recuperar estes herbívoros para manter os queirogais en bo estado, xa que se observaba unha cobertura excesiva de toxo. En colaboración cos propietarios, deseñouse a actuación que agora se completou e que se prevé que mellore 16 ha de queirogal húmido atlántico (4020*). A construción dun peche perimetral permitirá reintroducir cabalos salvaxes ou bestas na próxima primavera, os cales controlarán o crecemento do toxo complementando a actuación do rabaño de vacas vianesas. Ademais, realizouse unha roza de 6 ha por manchas para mellorar as zonas con elevada cobertura de matogueira, máis dun 50% de toxo e signos de envellecemento da queiroga. Esta actuación de rexuvenecemento da breixeira combinada co herbivorismo dos cabalos dará lugar a un queirogal ben conservado a medio prazo.
Os traballos en O Freixo complétanse coa restauración dunha turbeira elevada (7010*) mediante a retirada de restos dunha corta de eucaliptos realizada previamente para restaurar a turbeira, e un control do rebrote desta masa, completando deste xeito a restauración deste humidal. A retirada de restos fíxose de forma manual para evitar impactos na turbeira.