Traballos de conservación de hábitats no Monte de Viladesuso (Oia), Serra da Groba, Galicia

18.10.2024

A semana do 7 de outubro completáronse os traballos de mellora de queirogais secos europeos (4030) no Monte Veciñal en Man Común de Viladesuso, na Serra da Groba (Pontevedra). 

Os traballos leváronse a cabo nunha zona de aproximadamente 2 ha de queirogal seco con Erica umbellata, Erica cinerea, Calluna vulgaris e toxo (Ulex europaeus e Ulex minor). O queirogal, xa moi pechado e cunha alta cobertura de toxo, non cumpría cos indicadores de estado de conservación favorable e precisaba dunha actuación de mellora. Por outra banda, este queirogal está situado na contorna dunha turbeira elevada (7110*) moi sensible, na que se van realizar traballos de restauración. Pola escasa superficie e para evitar procesos erosivos, prantexouse un traballo manual, de roza por manchas, deixando parches de matogueira intercalados na zona de actuación e realizando o corte a certa altura do chan para non deixar a terra espida. Deste xeito preténdese rexenerar o queirogal para que os cabalos salvaxes (na zona chámanlles burras ou garranos) poidan controlar con eficacia o rebrote do toxo e manter aberto o mato. 

Manter o queirogal aberto e de talla media favorece a biodiversidade, á vez que crea unha comunidade vexetal con menor cantidade de combustible, menor risco de incendios e que contribúe a un paisaxe máis resiliente ao impacto do lume. Isto cobra especial importancia cando falamos do entorno de turbeiras ao límite da súa área de distribución, tan importantes e ameazadas como as da Serra da Groba. Ao mesmo tempo, deixando pequenas zonas con matogueira densa (o desbroce faise por manchas) favorecemos outras especies, como as aves, que precisan deste tipo de vexetación. 

Os próximos pasos na restauración das turbeiras de Viladesuso incluirán a corta e retirada dunha masa de piñeiros que rodea unha das turbeiras, así como a retirada de pés soltos situados na turbeira e no queirogal. 

As actuacións de conservación levadas a cabo en RURAltXA! son planificadas en colaboración coas Comunidades de Montes e teñen como obxectivo restaurar ou mellorar o estado de conservación dos hábitats de queirogal e turbeira (4020*, 4030, 7110* e 7130*) vinculados a un manexo gandeiro tradicional.