27.10.2025
O pasado 5 de outubro recibimos na Serra da Groba ás persoas participantes no curso “Mestre Besteiro/a: xestión de cabalos en liberdade nas serras atlánticas occidentais”, organizado pola asociación Deloa. Esta formación ten como obxectivo recuperar a poboación de cabalos salvaxes no territorio do GDR Barbanza–Muros–Noia–Sar, creando e consolidando unha base de coñecemento sobre a ecoloxía e o manexo das greas de cabalos salvaxes que contribúa a conservar o saber tradicional asociado, hoxe en risco de desaparición.
As persoas asistentes, unhas vinte, son maioritariamente membros de comunidades de montes que buscan recuperar os cabalos salvaxes nas súas terras como solución a retos como o risco de incendios, a homoxeneización da paisaxe, etc.
A Serra da Groba e a Serra do Xistral foron os modelos visitados co obxectivo de replicar os seus sistemas na Serra do Barbanza.
RURALtXA! e a Asociación de Gandeiros de Cabalos da Serra da Groba acompañaron a visita, mostrando o manexo tradicional dos cabalos e o seu papel na conservación dos queirogais. Explicouse a organización dos propietarios en asociacións, as normas de xestión e afondouse no sistema de manexo e nas alternativas actuais.
O percorrido incluíu o Alto da Groba e o Curro de A Valga (CM de Loureza), onde o presidente da Asociación explicou como é o manexo dos animais e que achegan ao monte. Pola súa banda, investigadores da UDC detallaron as características dos queirogais da Groba, o papel dos cabalos na súa conservación e as liñas de traballo de RURALtXA!, facendo especial fincapé no aproveitamento turístico dos curros e nas accións impulsadas polo proxecto.