A Rede de Traballo de RURALtXA! visita experiencias de éxito na Serra dos Ancares

25.10.2024

A Rede de Traballo do proxecto RURALtXA! visitou a Serra dos Ancares os días 18 e 19 de outubro para coñecer de primeira man casos de éxito en canto á gandería, o ecoturismo e a apicultura.   

Participaron nesta actividade arredor de 30 persoas procedentes de oito comunidades de montes de tres Áreas Piloto onde se desenvolve o proxecto: Serra da Groba (Pontevedra), Serra do Xistral (Lugo) e Serra da Faladoira (A Coruña). 

Estas visitas a casos de éxito son unha das actividades previstas dentro da Rede de Traballo de RURALtXA!, formada por persoas das áreas piloto do proxecto relacionadas coa gandería extensiva, o sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, a apicultura e actividades como o ecoturismo. 

O primeiro día os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer en persoa o modelo de negocio, a filosofía de traballo e o manexo sostible que levan a cabo tanto a Cooperativa A Carqueixa como a empresa Traloagro, coñecendo os seus puntos de venda na Praza de Abastos de Lugo.  

Pola tarde, xa nos Ancares, na aldea de Piornedo (Cervantes), o grupo participou nunha experiencia ecoturística levada a cabo pola Asociación Teitos de Piornedo, que consistiu nunha visita guiada pola aldea e á palloza museo, seguida dunha cea tradicional no interior dunha palloza. Esta actividade é un bo exemplo de como experiencias turísticas ben orientadas e desenvolvidas polos propios veciños serven para poñer en valor o patrimonio arquitectónico que constitúen as pallozas, a paisaxe e as tradicións vencelladas ao monte e aos usos gandeiros.  

Así mesmo, realizouse unha sesión de intercambio de experiencias e transferencia de resultados na que os técnicos do proxecto das universidades da Coruña e Santiago de Compostela explicaron o traballo que leva a cabo RURALtXA!, mentres que os integrantes da Rede puideron explicar as principais características dos seus territorios e as actividades que desenvolven. Os asistentes tamén puideron coñecer máis de preto o traballo que se desenvolve desde a Cooperativa A Carqueixa e desde o GDR Ancares, Terras de Burón, e en concreto o proxecto RETTURN, que está desenvolvendo unha rede de experiencias turísticas baseadas nas tradicións rurais. 

O sábado 19 de outubro, varias persoas da directiva da Cooperativa A Carqueixa guiaron o grupo polos arredores de Piornedo, explicando o manexo gandeiro que se realiza e en especial a práctica da transhumancia ás brañas situadas na parte leonesa dos Ancares. 

Pola tarde, o grupo desprazouse a un recuncho de Galicia para visitar O País do Abelleiro, en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz), onde coñeceron o traballo de Alberto Uría, que complementa a apicultura cun Ecomuseo e actividades ecoturísticas baseadas na cultura apícola. 

Os Ancares son un territorio cunha forte identidade asociada á montaña, a biodiversidade e ás tradicións rurais, onde se desenvolven varias iniciativas recoñecidas como casos de éxito. Por unha banda, a cooperativa A Carqueixa e a súa marca “O sabor dos Ancares”, moi asociada ao coidado do medio natural e ao benestar das vacas en extensivo. Tamén destaca o traballo da Asociación Teitos de Piornedo para conservar e poñer en valor as tradicionais pallozas. Máis ao norte, O País do Abelleiro é un bo exemplo de como converter a conservación da biodiversidade no que distingue, dá valor e crea mercado para un produto como o mel. Finalmente, o GDR Ancares Terra de Burón é un exemplo de como crear un ecoturismo de calidade baseado no uso sostible dos recursos naturais e en valores como os produtos locais. 

En Piornedo destacouse especialmente a importancia de asociarse, de diferenciarse e de converter o que a priori poden parecer debilidades en fortalezas, para xerar un discurso centrado na biodiversidade e na conservación da paisaxe e das tradicións, que achegue valor ao produto e permita crer e apostar polo que diferencia aos produtores en espazos de montaña con sistemas de alto valor natural.