18.11.2024
O Proxecto RURALtXA! e o proxecto de Ganadería de Montaña ProBiodiversidad da Fundación para la Conservación del Quebrantahuesos (FCQ) celebraron os días 15 e 16 de novembro un encontro de carácter técnico na localidade cántabra de Potes. O obxectivo: intercambiar experiencias, metodoloxías e enfoques sobre as iniciativas que ámbolos dous proxectos desenvolven tanto en Euskadi como en Galicia, así como nos Picos de Europa para ofrecer alternativas de futuro ao pastoreo como clave non só para o desenvolvemento rural senón, tamén, para a conservación da biodiversidade nesas zonas.
A expedición de RURALtXA! a esta zona dos Picos de Europa, estivo formada por gandeiros e gandeiras, axentes sectoriais e representantes de distintas institucións vascas, ademais do persoal do proxecto de Galicia e Euskadi.
No transcurso das xornadas técnicas, tívose a oportunidade de expoñer os principais obxectivos de ámbolos dous proxectos, enfoques de traballo, metodoloxías, accións en curso, casos de éxito e, mesmo, principais problemáticas para o desenvolvemento dos seus programas.
No tramo de intervencións do proxecto Gandería de Montaña ProBiodiversidad, que se desenvolve en Picos de Europa, contouse tamén coa intervención da investigadora da Universidade Autónoma de Madrid Isabel Barja que realiza unha investigación para protexer ao gando ovino e caprino da ameaza dos depredadores empregando compostos químicos volátiles atopados nos excrementos de cans de traballo, vixías do gando.
Pola súa banda, o persoal técnico de RURALtXA! explicou as iniciativas que se levan a cabo para poñer en valor tanto as actividades gandeiras, necesarias para a conservación dos hábitats e da paisaxe, como os produtos derivados das mesmas.
O día 16, o grupo RURALtXA! puído presenciar o X Certamen Regional de Oveja y a Cabra de los Picos de Europa, encontro que dá protagonismo e recoñecemento á figura do pastor en extensivo da comarca. A cita foi un punto de encontro para que profesionais do pastoreo e da xestión gandeira que participan en ámbolos dous proxectos compartisen ideas e metodoloxías.