31.03.2025
Muras (Lugo) acolleu a primeira das catros xornadas formativas de RURALtXA! Galicia na tarde do 24 de abril, no local social da Casa do Médico.
A localidade do Eume foi o escenario deste curso, que forma parte do Sistema Integrado de Ferramentas para o impulso da bioeconomía. O evento contou coa participación de expertos en marketing estratéxico, etiquetado e comercialización de produtos agroalimentarios, ademais de representantes de distintos Consellos Reguladores das IXPs de Galicia. A formación estivo dirixida a profesionais do sector, interesados en mellorar a comercialización e a valorización dos seus produtos no mercado.
A sesión iniciouse coa presentación dos resultados da caracterización das actividades agrogandeiras das CMVMC da Serra do Xistral, do ámbito de RURALtXA! a cargo de Jose Á. Penín, técnico do proxecto pola Universidade da Coruña.
A continuación, Xosé Luís Reza, de iuni strategic marketers, abordou as tendencias do mercado e a importancia do packaging como ferramenta estratéxica para mellorar a comercialización dos produtos.
Outro dos temas clave foi o ecoetiquetado, tratado por Alberto Fraile, investigador predoutoral e membro do equipo do proxecto pola Universidade de Santiago de Compostela, quen ademais presentou as conclusión das Análises do Ciclo de Vida dos produtos que derivan das actividades gandeiras vinculadas á conservación dos Hábitas de Interese Comunitario, do ámbito de RURALtXA!
A xornada completouse cunha sesión informativa sobre as vantaxes e o proceso de adhesión ás Indicacións Xeográficas Protexidas (IXPs). José Gómez, director técnico do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega – Boi Galego expuxo os beneficios de formar parte destes selos de calidade. Pola súa banda, Mª Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, explicou os requisitos e vantaxes para a incorporación á denominación.
Esta xornada puxo de manifesto a importancia da formación en estratexias de marketing para fortalecer a competitividade do sector agrogandeiro vinculado á conservación da biodiversidade, incidindo na necesidade de apostar pola calidade, a diferenciación e a sustentabilidade como elementos clave para o futuro do sector.