12.12.2025
O sábado, 29 de novembro, a CMVMC de Mougás, na Serra da Groba, acolleu a segunda xornada de voluntariado organizada por RURALtXA! xunto coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia e a Fundación Montescola para restaurar unha turbeira alta en estado de conservación desfavorable-malo.
Na primeira xornada, realizada o pasado 12 de xullo, levouse a cabo o descortizado dos tocos, danando o cambium con ferramentas manuais. Isto favoreceu a colonización da madeira exposta por fungos saprófitos, feito que acelerou o secado e a descomposición dos tocos, reducindo a capacidade de rebrote vexetativo, facéndoo moito máis feble e facilitando así as tarefas de control nesta segunda volta.
As 14 persoas voluntarias puideron contemplar ademais o panel instalado na marxe da área de actuación, que recolle os valores agochados do monte de Mougás, entre os que se atopan os hábitats de interese comunitario, obxecto de restauración e conservación do proxecto, coas especies características de cada un deles, así como os servizos ecosistémicos que xeran.
Ao mediodía, as persoas voluntarias resgardáronse da chuvia e repuxeron forzas na Casa Forestal da comunidade, onde o persoal técnico do proxecto explicou os demás traballos de restauración de hábitats que RURAltXA! levou a cabo na Serra da Groba.
Esta acción de voluntariado culmina as labores para o control do rebrote de eucalipto nesta zona no marco do proxecto. A CM, de acordo co Plan de Manexo e o Acordo de Custodia, organizará os futuros traballos necesarios para seguir mellorando esta turbeira.