18.07.2025
O sábado 12 de xullo, a CMVMC de Mougás, na Serra da Groba, acolleu unha xornada de voluntariado organizada por RURALtXA! xunto coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia e da Fundación Montescola, para restaurar unha turbeira alta en estado de conservación desfavorable-malo.
A acción de voluntariado ambiental, na que participaron un total de 25 persoas, consistíu no descasque de tocóns, na extracción de plántulas e na retirada e posterior apilado dos restos de corta de Eucalyptus sp., nun humidal de 2 ha rodeado por unha masa de eucaliptos que fora cortada o pasado inverno.
Co descasque do tocón búscase dificultar a rexeneración e a cicatrización da árbore, danando o cámbium, e facilitando así a entrada de patóxenos e organismos saprófitos. A retirada dos restos de corta contribúe a evitar o cambio das condicións tróficas da turbeira.
Tras un pícnic campestre no Curro de Mougás, a expedición dirixiuse á CMVMC de Loureza, onde as persoas voluntarias puideron coñecer o sistema de turbeiras, brezais e cabalos, os seus valores ambientais e culturais, así como os múltiples servizos ecosistémicos que proporcionan estes humidais.
Esta acción de voluntariado é a 1ª fase para o control do rebrote desta especie exótica. No outono levarase a cabo a 2ª fase para repasar a área de actuación.