Accións

Unha secuencia de accións que levan RURALtXA! desde un diagnóstico dos hábitats ligados a actividades tradicionais, a ferramentas concretas para impulsar a gandería extensiva.

Análise de hábitats e actividades vinculadas

Recompílase información para identificar aquelas áreas de montaña do norte peninsular con Sistemas de Alto Valor Natural e hábitats de interese comunitario asociados a prácticas agro-gandeiras tradicionais.

Trabállase en áreas piloto en Galicia e Euskadi identificando, cartografando e avaliando o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario. Previamente, desenvólvese un conxunto de indicadores para determinar o estado de conservación cada hábitat (ou grupo de hábitats). Tamén se caracterizan as actividades tradicionais para obter unha visión completa de condicionantes, necesidades e potencialidades canto a mellora do manexo, procesos de comercialización e diversificación de actividades ou produtos.

Implementación do plan de manexo

Redáctanse plans de manexo para a conservación dos hábitats de interese comunitario identificados nas áreas piloto. O plan é presentado aos propietarios dos terreos, maioritariamente comunidades de montes e parzonerías co obxecto de que se adhiran, o cal é condición para que os gandeiros que aproveitan eses terreos poidan formar parte da Rede de Traballo e beneficiarse do Sistema Integrado de Ferramentas para Impulsar a Economía. Considérase a custodia do territorio como fórmula de interese para materializar a adhesión ao plan de manexo.

Restauración de hábitats e seguimento

Defínense as áreas de actuación e lévase a cabo a planificación e execución de actuacións de restauración ecolóxica e mellora de hábitats en zonas con estado de conservación deficiente consensuadas cos propietarios e xestores dos terreos. O seguimento da repercusión das accións demostrativas sobre os hábitats realízase mediante análise de imaxes de satélite, de RPAS e mostraxes de campo. As actuacións inclúen distintas prácticas:

  • Rozas e queimas para mellorar queirogais e hábitats pascícolas.
  • Eliminación de arboredo sobre queirogais e turbeiras mediante traballos con mínimo impacto no solo (en Galicia)
  • Mellora de queirogais húmidos, turbeiras e hábitats pascícolas mediante manexo gandeiro (modificación de peches, pasos canadianos, bebedoiros, saleiros para adecuar carga gandeira) e mellora de infraestruturas para corrixir impactos sobre os hábitats.
  • Test de colares GPS con valado virtual para asegurar a carga gandeira nos lugares que o requiran, permitindo un control a distancia (en Euskadi).

Análise de beneficios

Identifícanse e poñen en valor os beneficios que proporciona unha gandería extensiva sostible xestionada para obter un estado de conservación favorable dos hábitats. Por unha banda, avalíanse servizos ecosistémicos como a biodiversidade, a polinización, a produción de mel ou o ecoturismo que os hábitats ben conservados e correctamente xestionados xeran. Pola outra, realizarase unha análise de sostibilidade do ciclo de vida (LCSA) para pór en valor estas actividades fronte a outros escenarios máis intensivos, incluídas as estimacións da pegada de carbono.

Impulso da bioeconomía e rede de traballo

Inclúe o deseño e posta en funcionamento dun Sistema Integrado de Ferramentas para o Impulso da Bioeconomía que permite converter a conservación de hábitats mediante a gandería nunha actividade produtiva e sostible socioeconomicamente.

Este sistema está composto por unha Rede de Traballo e un conxunto de ferramentas ás que poderán acceder as persoas produtoras/propietarias que se integren na Rede.

As ferramentas consideradas fortalecen as capacidades canto á participación na cadea de valor da bioeconomía, valorización dos seus produtos, comercialización e diversificación de producións e actividades, integrando o ecoturismo como unha actividade complementaria á actividade gandeira en SAVN e xeración de emprego verde. As ferramentas concretaranse segundo as necesidades detectadas e estarán pensadas para que as persoas gandeiras estean cada vez máis formadas e sexan capaces de tiraren proveito dese labor de conservación de hábitats que realizan. Inclúen ferramentas para mellorar a valorización dos produtos, mediante selos, etiquetaxe, márketing, para mellorar a comercialización mediante canles curtas de comercialización, rede de establecementos con produtos locais de km 0, ferramentas de formación e asesoramento e, finalmente, ferramentas para a diversificación e o ecoturismo.

Comunicación e transferencia

Acción para dar a coñecer o proxecto, tanto no propio ámbito xeográfico do mesmo como noutras zonas con características e problemáticas similares. Preténdese sensibilizar sobre a importancia da actividade gandeira sostible en extensivo en áreas rurais para manter a poboación e impulsar a bioeconomía destas zonas, e sobre a necesidade de manter actividades tradicionais para a conservación dos Sistemas de Alto Valor Natural e Hábitats de Interese Comunitario en áreas de montaña do norte peninsular.