Ámbito de actuación

RURALtXA! desenvólvese en nove áreas piloto localizadas en Galicia e Euskadi, en sitios clave no que respecta á presenza de hábitats seminaturais de interese comunitario de montaña, como queirogais húmidos atlánticos, turbeiras, queirogais secos e calcícolas, pradeiras de montaña, pastos mesófilos e petranos.

Todas elas son áreas incluídas na Rede Natura 2000, zonas propostas para a súa ampliación ou zonas de interese para a conectividade da propia rede. Estas áreas tamén se clasifican como importantes para a diversidade vexetal segundo a Estratexia Española de conservación vexetal 2014-2020.

RURALtXA! traballará activamente en Galicia e Euskadi con persoas produtoras, propietarias e xestoras que desenvolven a súa actividade en espazos naturais, a maioría deles incluídos na Rede Natura 2000, e algúns protexidos baixo figuras como parque natural ou reserva da biosfera, en 34 municipios de menos de 5.000 habitantes.

Os resultados e experiencia poden ser exportados a zonas con problemáticas similares en áreas de montaña do norte de España.

Galicia⇄Galicia⇄Galicia⇄Galicia⇄Galicia⇄Galicia⇄Galicia⇄Galicia⇄

Galicia

ZEC Serra do Xistral

Un gran macizo próximo ao mar, entre as provincias da Coruña e Lugo, que se eleva ata máis de mil metros, e que recibe de forma constante a humidade en forma de néboas e chuvia. O clima húmido e frío explica a presenza dunha gran superficie de turbeiras de cobertor, numerosas turbeiras elevadas e qeirogais húmidos, ademais de fragas mixtas atlánticas de caducifolias. A gandería vacuna e o aproveitamento tradicional dos cabalos salvaxes son as actividades tradicionais máis representativas do Xistral.

Galicia

ZEC Monte Maior

Similar ao espazo anterior, atópase no norte da provincia de Lugo asomándose ao Cantábrico e ten características parecidas pola súa situación, aínda que unha menor extensión e altitude.

Galicia

Serra da Faladoira

Esta serra do norte, a cabalo entre as provincias da Coruña e Lugo, non se atopa aínda entre os espazos da Rede Natura. Porén, inclúe unha boa representación de hábitats prioritarios que merecen ser protexidos.

Galicia

Serra da Groba

Ao sur da provincia de Pontevedra, asomándose ao Atlántico e preto da desembocadura do Miño e a fronteira con Portugal, atópase esta serra formada por un complexo granítico de lombas suaves, cuberta por mato e grandes plantacións forestais, salpicada por pequenos complexos de turbeiras moi interesantes. Mantense o aproveitamento tradicional dos cabalos salvaxes con máis de mil animais que son reunidos dúas veces ao ano nos “curros” da Valga, Torroña e Mougás.

Euskadi⇄Euskadi⇄Euskadi⇄Euskadi⇄Euskadi⇄Euskadi⇄Euskadi⇄Euskadi⇄

Euskadi

ZEC Gorbeia

Nesta ZEC, a cabalo entre Biscaia e Áraba, contrastan as extensas pradeiras da zona dos cumios e a parte alta da súa vertente setentrional coas extensas formacións de queirogais e arboredo autóctono da súa vertente sur, o que explica diferentes modelos de uso tradicional e demanda gandeira en cada zona.

Euskadi

ZEC Aizkorri-Aratz

Esta ZEC alberga os cumios máis elevados de Euskadi, en cuxos resaltes calcarios dominan amplas zonas de pastoreo. Segundo se descende en altitude, estes pastos dan paso a ladeiras boscosas. Trátase dunha das áreas de Euskadi con maior tradición e demanda pastoril, onde persiste un gran número de cabezas de ovino que pastan os meses de verán e outono.

Euskadi

ZEC Aralar

A ampla planicie que constitúe a parte alta desta ZEC está cuberta por unha extensa superficie de pradeiras de montaña, evidencia do alto uso gandeiro que se fai dela desde hai miles de anos.

Euskadi

ZEC Arkamo-Gibijo-Arrastaria

Trátase dunha ZEC moi extensa, con gran diversidade de paisaxes e contrastes. A baixa utilización gandeira dalgunhas zonas levou en anos precedentes ao desenvolvemento dunha etapa pre-forestal en antigas zonas de pasto, co conseguinte risco de incendio.

Euskadi

ZEPA Salvada Mendileorra-Sierra Salvada

É unha formación montañosa calcaria cuxo altiplano e ladeiras da serra son utilizadas para o pastoreo extensivo de gando bovino, ovino e equino, excepto cando as condicións invernais o impiden.