Hábitats

Traballamos cos hábitats seminaturais de meirande relevancia da zona atlántica da península Ibérica, como queirogais húmidos atlánticos (4020*) e os seus mosaicos con turbeiras (7110*, 7130*, 7140 e 7230), así como queirogais secos acidófilos (4030) e calcícolas (4090), pradeiras de montaña (6230*), pastos mesófilos (6210(*)) e petranos (6170). Todos eles son Hábitats de Interese Comunitario e o asterisco indica que o hábitat é prioritarios segundo a Directiva Hábitats.

Preto de 21.000 ha de hábitats de interese comunitario en zonas abertas de montaña cunha importante porcentaxe de hábitats prioritarios, ameazados de desaparición e coa súa conservación como responsabilidade especial no territorio da Unión Europea.

4020*
Queirogais húmidos atlánticos

Galicia

Son formacións abertas, con poucas árbores, dominadas por queirogas e toxos (Erica spp., Calluna vulgaris, Ulex spp., entre outras). Danse sobre solos xeralmente ácidos, mal drenados, con tendencia higroturbosa, moi sensibles á seca estival, ocupan enclaves que manteñen un alto nivel de humidade e presentan unha alta biodiversidade e singularidade da súa flora.

Trátase de queirogais de altura medio-baixa cun estrato leñoso composto por diferentes especies (Erica mackayana, Erica tetralix, Erica ciliaris, Erica cinerea, Calluna vulgaris, Daboecia cantabrica, Ulex gallii), entre as que adoitan estar presentes especies herbáceas como Deschampsia flexuosa, Juncus squarrosus ou Carum verticillatum, entre outras.

Nas serras do norte de Galicia onde traballamos en RURALtXA! domina estas formacións a queiroga endémica Erica mackayana sobre o resto de ericáceas. A chamada queiroga das brañas florece de xullo a novembro con inflorescencias en forma de umbela e follas pilosas, formando uns tapices rosados impresionantes.

4030
Uceiras secas acidófilas

Galicia e Euskadi

Matogueiras de talle medio onde dominan varias especies de uces e queirogas (Erica spp.), acompañados de breixo (Calluna vulgaris) e en ocasións o toxo ou otaka (Ulex spp.). Adoita abundar o fieito común (Pteridium aquilinum) e, nas zonas máis frescas e elevadas, poden dominar o arando (Vaccinium myrtillus) e a uz branca (Erica arborea). En Euskadi pódense distinguir varios subtipos: uceiras altas de montaña de Erica arborea, arnadanales, queiogais atlánticos e subatlánticos.

Son matos que se instalan en comarcas de clima chuvioso (ombroclima desde subhúmido a hiperhúmido), sobre solos ácidos, ben debido á natureza silícea do substrato, ben ao lavado e descalcificación do solo pola chuvia. Están moi estendidos pola vertente atlántica de Euskadi, nos pisos de vexetación colino e montano, e aparecen con menor abundancia na vertente mediterránea. En zonas de altitudes baixas e medias acostuman incorporarse ás uces dominantes os toxos ou otakas (Ulex europaeus e U. gallii). Nas zonas de montaña, xeralmente máis elevadas e que resultan máis frescas e brumosas, aparecen as arandeiras e uceiras altas de Erica arborea.

É un hábitat vinculado principalmente a gandería extensiva con gando maior. Porén, un uso moi interesante destas formacións é o seu aproveitamento apícola por explotacións transtermitantes que aproveitan a súa época de floración.

4090
Uceiras calcícolas de montaña

Euskadi

Inclúense baixo esta denominación os matos, que adoito teñen porte almofadado, e os mosaicos de pasto e mato de talle medio amplamente repartidos por cerros, ladeiras, cristas e repisas de rochedos, sobre terreos de natureza calcaria ou margosa, desde o nivel do mar ata os cumios das montañas de Euskadi. Practicamente en todos os casos abundan a aulaguilla ou ota-bera (Genista hispanica subsp. occidentalis) e a queiroga (Erica vagans), que dan ao conxunto o seu peculiar aspecto e xustifican os nomes de “pre-uceira” ou “uceira calcícola” con que acostuman denominarse estas variadísimas agrupacións vexetais. Engadéselles habitualmente dúas gramíneas, o lastón de folla ancha (Brachypodium pinnatum) e a avea do Cantábrico (Helictotrichon cantabricum), que forma grandes e características macollas. Nalgúns casos poden ser abundantes os cimbros (Juniperus spp.), o buxo (Buxus sempervirens) ou o romeu (Rosmarinus officinalis).

Aínda que é un hábitat repartido por toda Euskadi, ten presenza masiva na zona comprendida entre as montañas da divisoria e as meridionais. Ao norte teñen menos representación, apegándose aos substratos calcáreos, tanto da costa como das elevacións  montañosas. Entre os lugares onde se desenvolve o proxecto RURALtXA! pode establecerse como espazo clave para a conservación deste hábitat a ZEC Arkamo-Gibijo-Arrastaria.

6210*
Pastos mesófilos con Brachypodium pinnatum
(* lugares con orquídeas notables)

Euskadi

Pasteiros dominados por gramíneas, moi variados na súa composición florística. Cando son ricos en orquídeas se consideran un hábitat prioritario para a Directiva Hábitats. En moitas ocasións chega a dominar o lastón (Brachypodium pinnatum), pero noutras son varias as gramíneas dominantes, destacando Bromus erectus e Festuca gr. rubra. Cando se abandona o pastoreo entran algúns arbustos e matas das matogueiras con que contactan, en especial os do hábitat 4090, cara aos que evolucionan co tempo. Orixínanse tamén a partir do abandono de fincas cultivadas, situación que favorece ás plantas herbáceas, en detrimento de matas e arbustos, que tardan algúns anos en colonizar estes terreos.

Na metade norte de Euskadi, en ombroclimas húmidos e hiperhúmidos, estes pastos ocupan zonas de solo relativamente seco. Na metade meridional danse en situacións nin moi húmidas nin secas e son desprazados ao aumentar a humidade edáfica por outros pastos máis higrófilos e en caso de que a sequidade edáfica vaia acompañada de sequidade atmosférica por pastos xerófilos. O uso máis xeneralizado é a gandería extensiva con ovino e gando maior. Cando estes son manexados adecuadamente polo home, dan paso a prados de sega.

En xeral, é un hábitat ben representado na CAPV, tanto na vertente atlántica como na mediterránea. Nas serras vascas onde se desenvolve o proxecto RURALtXA! está sobre todo presente en Aralar e Arkamo-Gibijo-Arrastaria.

6230*
Pradeiras de montaña

Euskadi

As pradeiras de montaña teñen unha fisionomía característica, formandoalfombras de fina herba que se manteñen verdes e frescas ata o final do verán. Predominan as plantas herbáceas, especialmente algunhas gramíneas cespitosas adaptadas a daren fillos ou brotes tras seren segadas polo dente do gando e a resistir sen romperse polo efecto das pisadas. Son, ademais, plantas de boa calidade e valor pascícola.

Son típicas de zonas de montaña con clima fresco e húmido, e teñen unha orixe remota, no Neolítico, nos inicios da domesticación do gando e o comezo do pastoreo. En Euskadi o pastoreo milenario condicionou a propia orixe destas pradeiras de montaña e a presenza de gando as mantén co seu dente e pisoteodesprovistas de plantas leñosas.

A elevada pluviometría asociada aos nosos ombroclimas húmidos ou hiperhúmidos dá lugar á acidificación dos solos e a unha flora acidófila en consonancia, aínda que en moitos casos estas pradeiras se asentan sobre materiais calcáreos. A herba non se adoita secar no verán, agás nos casos de solos máis delgados, como acontece cos pastos de Agrostis curtisii.

Existen varios subtipos en Euskadi. O máis estendido polas serras pastoreadas (Aralar, Aizkorri-Aratz, Gorbeia…) son as pradeiras de montaña finas. Por outra banda, os típicos pastizais de Nardus stricta están moi localizados en Euskadi e ocupan pequenas superficies nalgunha serra onde actúa RURALtXA! como en Gorbeia. Por último, os pastos silicícolas de Agrostis curtisii e pradeiras con Cynodon dactylon, se dan normalmente en solos pouco profundos de ladeiras empinadas e en situacións de cumio.

7110*
Turbeiras altas activas

Galicia

Trátase de formacións turbosas (acumulan materia orgánica en forma de turba), como o seu nome indica, ácidas, pobres en nutrientes minerais, que se alimentan principalmente pola auga da chuvia e logran enchouparse grazas á morfoloxía do terreo.

Están dominadas por esfagnos (Sphagnum spp.), plantas que se descompoñen con dificultade en condicións anegadas e pobres cuxos restos se acumulan en forma de turba, destacando Sphagnum pylaesii por ser unha especie de interese comunitario segundo a Directiva Hábitats. Outras especies características deste hábitat son plantas insectívoras dos xéneros Drosera e Pinguicula, ciperáceas como Eriophorum angustifolium, ou especies de Carex.

Nas serras galegas onde se desenvolve o proxecto RURALtXA! podemos atopar plantas carnívoras moi características deste hábitat. Estas especies desenvolveron métodos para atrapar animais, xa que para sobrevivir en terreos pantanosos (pobres en nitróxeno), necesitan completar as súas necesidades nutritivas dixerindo as proteínas das súas presas. As dróseras teñen follas con extensións que producen unha especie de pegamento chamado mucilaxe, co que atrapas as súas presas. As pinguículas presentan follas revestidas de pelos glandulosos viscosos que atraen e reteñen os insectos.

A categoría de activas otórgaselles cando presentan vexetación formadora de turba, deste modo van medrando en altura, de aí o apelido altas.

7130*
Turbeiras de cobertor activas

Galicia

Extremadamente raras na península Ibérica, aparecen en enclaves moi localizados da Cordilleira Cantábrica e nas serras oceánicas da provincia de Lugo e A Coruña como no espazos da Rede Natura 2000 Serra do Xistral, onde se desenvolve o proxecto RURALtXA!.

Estas turbeiras esténdense por relevos aplanados ou inclinados mal drenados en áreas de clima oceánico con altas precipitacións. Acumulan materia orgánica en forma de turba, recollendo auga fundamentalmente a través da chuvia, do resío ou da néboa. Se ben os esfagnos desempeñan un importante papel en todos os casos, a proporción de ciperáceas (Carex durieui) e gramíneas (Molinia caerulea) é maior que no caso das turbeiras altas. Ao igual que nas turbeiras altas, denomínanse activas aquelas con vexetación formadora de turba.

As turbeiras de cobertor activas presentan unha grande homoxeneidade florística. En conxunto caracterízanse por presentar unha cuberta herbácea extremadamente densa dominada po a xunca de algodón (Eriophorum angustifolium), buños (Carex durieui) e gramíneas (Molinia caerulea, Deschampsia flexuosa) ás que adoitan acompañar, aínda que alcanzando unha baixa cobertura, especies frecuentes nas matogueiras presentes no norte de Galicia, como Erica mackayana, Erica cinerea ou Calluna vulgaris. Entre as especies indicadoras destacan as do xénero Sphagnum, en especial Sphagnum pylaesii, por ser unha especie de interese prioritario segundo a Directiva Hábitats, e as bulbosas como Narcissus bulbocodium.

Estes ecosistemas desempeñan un papel importantísimo no control do ciclo hidrolóxico e na calidade das augas, actuando como verdadeiras “esponxas”. Asímesmo, cumpren unha función vital no actual contexto de cambio climático, captando e almacenando carbono nos depósitos de turba que, nalgunhas zonas destas serras, alcanzan varios metros de profundidade.