Inícianse os traballos de mellora de queirogais no Monte de Corvelle

08.09.2025

A semana do 18 de agosto completouse a primeira parte dos traballos de mellora de de queirogais planificados no MVMC de Corvelle, na Serra do Xistral (Lugo).

Esta actuación levouse a cabo en 7 ha de queirogal húmido con Erica mackayana, Calluna vulgaris, Erica cinerea e toxo (Ulex gallii), cunha estrutura pechada, unha altura superior aos 60 cm e unha alta cobertura de toxo en certas zonas. Estas condicións non cumprían cos Indicadores de estado de conservación favorable desenvolvidos no marco do proxecto.

Mediante esta roza búscase rexenerar o queirogal e atraer os cabalos salvaxes para que controlen o rebrote do toxo e favorezan a recuperación dunha estrutura e composición óptimas. Trátase de evitar unha matorralización excesiva para que o queirogal poida acadar maiores índices de biodiversidade, ao tempo que se reduce o risco de incendios. Estas actuacións de conservación están orientadas a reverter situacións puntuais desfavorables, como cando as matas amosan signos de senescencia, o toxo domina a composición vexetal ou o porcentaxe de matogueira é tan elevado que impide a entrada de cabalos e gando para aproveitar a vexetación.

A presenza de cabalos salvaxes nos queirogais de Erica mackayana mantén unha estrutura da vexetación que favorece unha maior diversidade e riqueza de especies, incluíndo a presenza de especies raras con valor para a conservación, como Gentiana pneumonanthe, Euphorbia polygalifolia, Cirsium filipendulum, entre outras (1). Por este motivo, recoméndase fomentar a presenza de cabalos salvaxes tras a actuación, e pódese admitir unha carga moderada de gando vacún (segundo o Plan de Manexo – Serra do Xistral). Ademais, segundo o Plan Director da Rede Natura de Galicia, a roza non poderá repetirse nos próximos 10 anos, xa que unha frecuencia excesiva podería causar unha perda de calidade do hábitat.

Durante os traballos prestouse especial atención a evitar a compactación ou erosión do solo. Para iso, empregouse un tractor o máis lixeiro posible que permitise un corte limpo da vexetación, traballando co terreo seco, a baixa velocidade e co cabezal alto, sen tocar o chan. É fundamental planificar a roza con coidado e executala con detalle, para evitar danar os tocóns das queirogas ou afectar o solo, o que podería provocar procesos erosivos.

Tal como establece o citado Plan de Manexo, a práctica óptima para o mantemento destes hábitats é o sistema tradicional baseado na presenza de cabalos salvaxes, que permite conservar os queirogais con altos valores de biodiversidade e, ao mesmo tempo, facilita o seu aproveitamento por parte do gando vacún. As rozas, pola súa parte, xeran unha estrutura máis homoxénea da vexetación, poden favorecer a presenza de fentos e levan asociados outros problemas. Por iso, non deben converterse nunha práctica habitual, senón empregarse de forma puntual naquelas zonas onde sexa necesario.

As actuacións de conservación levadas a cabo en RURALtXA! son sempre planificadas da man das Comunidades de Montes e teñen como obxectivo restaurar ou mellorar o estado de conservación dos hábitats de queirogais e turbeiras (4020*, 4030, 7110* e 7130*) vinculados a un manexo gandeiro tradicional.

  1. Jaime Fagúndez (2016) Grazing effects on plant diversity in the endemic Erica mackayana heathland community of north-west Spain, Plant Ecology & Diversity, 9:2, 207-217