Rematada a primeira actuación de restauración de RURALtXA! en Galicia

17.04.2024

O pasado martes, 9 de abril, executáronse traballos de restauración nunha zona de mosaico de queirogal húmido (4020*) e turbeira alta activa (7110*) consistentes na eliminación dun rodal de eucalipto no Monte Veciñal en Man Común (MVMC) de Vilacampa na Serra do Xistral (Lugo). 

Estes traballos forman parte dunha actuación integral ambiciosa nunha área na que se pretende recuperar o uso gandeiro de 12 ha de superficie que, debido a diversos factores, atópase nun estado de conservación desfavorable, non cumprindo cos indicadores desenvolvidos no marco do proxecto. 

Neste primeiro paso elimináronse case medio centenar de pés desta especie exótica allea a estes hábitats de interese prioritario para a Unión Europea e que estaban a alterar a composición, estrutura e función dos mesmos. Durante a actuación, evitouse a entrada de maquinaria pesada no hábitat e elimináronse os restos de curta para non alterar as condicións do hábitat. 

O resto da actuación incluirá unha roza para reducir a alta proporción de matogueira e de toxo sobre o total do queirogal, a instalación dun peche e pasos canadenses para favorecer a xestión gandeira da Comunidade de Montes e un posible peche de protección na zona máis sensible e degradada da turbeira.  

As actuacións de conservación levadas a cabo en RURAltXA! son planificadas da man das Comunidades de Montes e teñen como obxectivo restaurar ou mellorar o estado de conservación dos hábitats de queirogais e turbeiras (4020*, 4030, 7110* e 7130*) vinculados a un manexo gandeiro tradicional.