Repartidos en Galicia os Conxunto de Indicadores de RURALtXA! entre os propietarios participantes

13.05.2024

Durante os meses de maio e xuño están a levarse a cabo reunións cos propietarios participantes en RURALtXA! nas que se está repartindo a Guía Visual dos Conxuntos de Indicadores para os hábitats de turbeiras e queirogais en Galicia.  

Con estes Conxuntos de Indicadores preténdese que calquera propietario, xestor ou persoa interesada, sen necesidade de ter un coñecemento técnico específico previo, conte cunha ferramenta sinxela para poder coñecer en campo o estado de conservación no que se atopan os hábitats cos que traballa o proxecto. 

É por iso polo que os indicadores definidos, que avalían aspectos como a composición e estrutura do hábitat en cuestión, teñen que ser ademais axustados localmente para cada hábitat e facilmente recoñecibles por todos os axentes participantes. 

Por outra banda, estes indicadores intégranse nos Plans de Manexo Baseados en Resultados de Conservación, onde levan asociados unhas pautas e recomendacións de actuación para as zonas que se atopen nun estado de conservación desfavorable, fomentando a conservación destes hábitats. 

Ademais, nestas reunións está a avanzarse con outros temas do proxecto, presentando os traballos realizados ata a data en RURALtXA!, así como o citado Plan de Manexo e a ferramenta de Custodia do Territorio, mediante a cal se busca afianzar unha xestión do monte que teña en conta a conservación entre os seus obxectivos á vez que pon en valor ese traballo para a Sociedade.  

Se estás interesado en coñecer máis en detalle cales son os indicadores que se empregan, podes consultalos nesta ligazón.