Xerada unha cartografía de hábitats propia para Galicia en RURALtXA!

03.11.2023

RURALtXA! xa conta cunha cartografía de hábitats propia para as áreas piloto do proxecto en Galicia que permite identificar a área de distribución dos catro hábitats de interese comunitario (HIC) vencellados ás actividades tradicionais que son obxecto de estudo para Galicia (as turbeiras 7110* e 7130* e os queirogais 4020* e 4030).

Grazas ao traballo realizado desde o inicio do proxecto nos 26 Montes participantes, repartidos nas ZEC Serra do Xistral, ZEC Monte Maior, Serra da Faladoira e Serra da Groba, obtivéronse un total de 18.317 ha cartografadas, empregando para iso técnicas baseadas en fotointerpretación de imaxes aéreas e teledetección mediante análise de imaxes satelitales e o apoio de datos auxiliares e traballo de campo.

Nos 10.788 polígonos debuxados para cartografar este territorio identificáronse ata 56 clases de hábitats diferentes que nos van permitir avaliar o Estado de Conservación dos HIC empregando como referencia o Conxunto de Indicadores deseñado para cada un deles.

Nos próximos días publicarase na web o Informe que recolle toda a información xerada e analizada ata a data, así como a explicación detallada de toda a metodoloxía empregada ata a obtención do produto final.